Sae en castelán

EL CABO DEL MUNDO, a tradución
Hai veces nas que un semella estar agradecido aos deuses, esas criaturas que hai tempo deixaron de existir. Pero acodes a eles para xustificar o que se cadra non ten xustificación. E sucede que logo da travesía no deserto, chega o tempo das flores e a luz, e os anos sufridos e de recollimento xa non son o que eran. Para ben. Entón todo cadra. Adquire sentido. Incluso as horas -moita soidade e escaso tempo, certamente- entregadas a crear unha obra entre catro paredes e sen outra saída que a propia ambición, tan cativa, tan túa, de lograr unha obra galega e orixinal. Pois iso.
Resulta que sae agora, traducida por Bea -tanto esforzo, Li, xa ves que non foi en balde- e na colección Grandes Novelas de Ediciones B, selo de Penguin Random House.  A segunda. E faino como "El Cabo del Mundo" -xa se, xa sei, o nome non lle cadra ao noso topónimo-, por aquel dos dereitos e da lingua de fóra.
Confeso que nunca podería telo imaxinado. Nunca me pasou polo maxín que algo así me estaría pasando hoxe. E agora tería que, obrigadamente, dar as grazas a tantas persoas que me aturaron e creron nas miñas argalladas que vou desistir de tal tarefa. Tamén aos lectores. Todos eles saben do meu sentir.
En fin, que o 21 de xuño do 2018 está aí e sairá á venda. Para os que non me len na nosa lingua, ollo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario