Sae en castelán
Hai veces nas que un semella estar agradecido aos deuses, esas criaturas que hai tempo deixaron de existir. Pero acodes a eles para xustificar o que se cadra non ten xustificación. E sucede que logo da travesía no deserto, chega o tempo das flores e a luz, e os anos sufridos e de recollimento xa non son o que eran. Para ben. Entón todo cadra. Adquire sentido. Incluso as horas -moita soidade e escaso tempo, certamente- entregadas a crear unha obra entre catro paredes e sen outra saída que a propia ambición, tan cativa, tan túa, de lograr unha obra galega e orixinal. Pois iso.
Resulta que sae agora, traducida por Bea -tanto esforzo, Li, xa ves que non foi en balde- e na colección Grandes Novelas de Ediciones B, selo de Penguin Random House. A segunda. E faino como "El Cabo del Mundo" -xa se, xa sei, o nome non lle cadra ao noso topónimo-, por aquel dos dereitos e da lingua de fóra.
Confeso que nunca podería telo imaxinado. Nunca me pasou polo maxín que algo así me estaría pasando hoxe. E agora tería que, obrigadamente, dar as grazas a tantas persoas que me aturaron e creron nas miñas argalladas que vou desistir de tal tarefa. Tamén aos lectores. Todos eles saben do meu sentir.
En fin, que o 21 de xuño do 2018 está aí e sairá á venda. Para os que non me len na nosa lingua, ollo.
achegas bibliográficas

-De AUTOR descoñecido: O que fixeron en Galicia 1936, Edicións A Nosa Terra, colección o Fardel da Memoria, Vigo, 1998.
-GARCÍA DURÁN, Juan, Pola liberdade. A loita antifranquista de Luís Costa, Edicións A Nosa Terra, colección o Fardel da Memoria, Vigo, 2001.
-MÁIZ VÁZQUEZ, Bernardo, Resistencia, guerrilla e represión. Causas e consellos de guerra. Ferrol, 1936-1955, Edicións A Nosa Terra, colección o Fardel da Memoria, Vigo, 2004.
-MOURE MARIÑO, Luís, Arredor da lareira (contos e cavilacións), Edicións do Castro, Narrativa, Sada, 1980.
-MOURE MARIÑO, Luís, La Generación del 36. Memorias de Salamanca y Burgos, Edicións do Castro, Sada, 1989.
-PATIÑO REGUEIRA, Antón, Memoria de Ferro, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2005.
-SAMPIL SÁNCHEZ, Enrique, «A carta do Ruso», pp. 207-218 en CIRCULAR POLO SAVIÑAO, 40 aniversario do Círculo Saviñao, Escairón, 1999.

-SOUTO BLANCO, Mª Jesus, «Morir y ser muerto. Estudio de tres casos ejemplares entre los condenados a pena capital en el primer franquismo», pp. 473-499 en SEMATA. Ciencias Sociales y Humanidades, Nº17 ( dedicado a Muerte y ritual funerario en la historia de Galicia).
-SOUTO BLANCO, Mª Jesus, La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940), Edicións do Castro, serie Documentos, Sada, 1999, 2ª edición.
-TÉLLEZ, Antonio, A guerrilla antifranquista de Mario de Langullo, o Pinche,Edicións A Nosa Terra, colección o Fardel da Memoria, 2ª edición, Vigo, 2001.
-VELASCO SOUTO, Carlos F., Represión e alzamento militar en Galiza, Edicións A Nosa Terra, colección Historia de Galiza, Vigo, 2006.
-V.v.a.a., O 36 na Galiza, Revista A NOSA TERRA, colección A Nosa Historia, Nº1, Vigo, 1987 (2ª ed.).
-V.v.a.a., Os anos despois, Revista A NOSA TERRA, colección A Nosa Historia, Nº2, Vigo, 1987.
-V.v.a.a., Galiza: 1953-1975, Revista A NOSA TERRA, colección A Nosa Historia, Nº5, Vigo, 1988.
-V.v.a.a., Os mártires do 36, Revista A NOSA TERRA, colección A Nosa Historia, Nº7, Vigo, 1996.
Se outras achegas menores non figuran aquí é por non abusar da paciencia dos que poidan ler isto. Que unhas e outras saiban que contribuíron a construír "O Cabo do Mundo".
As fotos estilo "collage" recollen algunhas delas.
Premio da Crítica e 3ª edición
Moitas grazas ás mulleres e homes que compoñen a Asociación Española de Críticos Literarios por concederlle a "O Cabo do Mundo" o PREMIO DA CRÍTICA 2010 en Narrativa Galega. Se nun principio e como autor non valorei a súa importancia (feito polo que pido publicamente perdón), tivo que ser alguén que domina o panorama literario galego quen, este verao nos Diálogos de Mariñán, me fixese ver o que de certo representa ter recibido este premio.
Para quen estea interesado/a, esta é a ligazón á páxina de Edicións Xerais (outro dos grandes culpábeis do suceso)que recolle todo o que vai acontecendo coa novela "O Cabo do Mundo":
http://xerais.blogaliza.org/tag/o_cabo_do_mundo/
xeografía da novela
A importancia do espazo físico nesta novela amósase desde o mesmo título. A espectacular paisaxe do Cabo do Mundo que se ve desde a beira do Saviñao configurou en min, xa desde neno, unha idea fixa: este lugar ben merece unha novela. Tíñao en mente.

Agora ben, había que levalo a cabo e, de certo, non serviría calquera historia. Por iso a teima levedou nos recunchos máis agochados do caletre durante anos, ata que, despois de irlle engadindo novas achegas, aló polo ano da Memoria Histórica, no 2006, empecei a arrexuntar e ler material sobre a represión franquista e as actuacións das denominadas “brigadas ou patrullas do amencer”.

Elementos como a presenza de fuxidos polas ribeiras do Miño, a morte e enterramento do Piloto na parroquia de San Fiz, a dureza dos traballos que carretan os homes e mulleres ribeiraos, a propia e dura vida da posguerra no sur de Lugo. Todo debía formar parte da novela, porque é parte do noso. Paisaxe e vida, moi adrede. E visita tras visita por aquelas incríbeis paraxes, foise configurando un espazo físico. Baseado niso, e noutras ideas, púxenme a escribir.
Reiniña
A ligazón a Google Docs que figura ao final desta entrada é o arquivo PDF que contén unhas 40 páxinas que inicialmente formaban parte da novela O Cabo do Mundo e que foron retiradas á hora de editala.
Relatan a historia do personaxe nomeado nela como Reina, historia totalmente inventada, por moito que alguén poida establecer similitudes con persoas reais.
Para centrar ao lector, ou lectora, engadirei que estaría situada na páxina 228 da edición en papel, cando o aludido lle conta as súas peripecias ao protagonista e narrador da novela, o profesor Carlos Pereiro, e entre eles se establece unha profunda relación de amizade. Esta especie de confesión íntima dun personaxe ao outro explicaría en boa medida certas reaccións posteriores da “parella” que levan ao desenlace e que na novela publicada se cadra non amosan a solidez precisa.
Se a alguén hai que achacar a decisión de eliminar esta historia do formato papel é ao propio autor, ou sexa, a min.
Por moito que ao inicio dese documento ofrezo algunhas xustificacións polas cales finalmente non a incluín nesa primeira edición, de certo que aínda hoxe non sei se fixen ben ou non, pero ofrézoa agora en formato dixital (arquivo PDF) e con certas modificacións ou ampliacións, para que o meu sufrido lector, ou lectora, se ten a ben descargala e lela, reciba outro sofico (termo que sempre empregaba meu pai) para a trama de O Cabo do Mundo.
LIGAZÓN para ler "Reiniña":
https://docs.google.com/leaf?id=0B5VxyTW4_rFpMzRiNmExNDYtM2QyZC00NDYzLTllZjAtNmI5NDUyNjRkYTFh&hl=es
Entre encoros


-Pai, de cabreado co mundo, encerellouse cos que se agochaban deste lado, ai si. Por coller unha tallada, vaia. Pero logo, como non vía bocado e eles andaban ao seu, máis ca nada por non marchar a onde non tiña traza, meteuse na obra. Menuda era! A dos Peares, xa sabes. E alá morreu, traballando a eito no encoro. Cando me chegou a nova, funo buscar e alá estaba, todo esmagado. O caso foi que esboroouse unha mura despois dun barreno e caeu do alto da canteira con outros catro que non se sabía nin quen era quen. Atuado quedou. Eu coñecinlle un galocho que mal lle colgaba do pé e así o saquei, pero pola cara nada. Porque aquilo era o acabouse, ai era! A min díxome un día que viña ben ter un traballo. E quixo convencerme. Quixo tal. Andaba xa eu polos vinte e tantos, pero non, non viña ben. Ir fun probar dúas semanas coa marra e o pau ferro ao lombo e volvín para a casa cos cadrís fodidos e catro cadelas no peto que non daban nin para unha ola de purrela. Era todo traballar seguido, co sol a estorriscarche o lombo, maiola pura, asándose cristo! E o peor era os gardas, puta que os deu!, que vixiaban aos presos da guerra e metíanse en se mazabas na pedra ou facías que dabas... E por riba aquela poeira, aquela fogaxe... O inferno, talmente. En canto puiden volvín aquí co rabo entre as pernas disposto a quedar no meu, entre toxos ao lado do rego, a pesar de que subiron a auga e arrasaron co noso. Porque o mundo non, non acaba se te fas cun cubil ao xeito.
A portada de "O Cabo do Mundo"
De onde saíu esa portada pola que moitos lectores e curiosos preguntan?

Primeiro había que buscar un modelo cunhas faccións especiais e que aceptase posar. Desde o inicio pensamos no meu amigo e compañeiro na EFL Ricardo Vázquez (máis coñecido por Richi). Del é ese perfil da portada con tanta forza na expresión, aínda que por consello de Manuel Balea (coas fotos ás veces lévanse sorpresas) tamén invitamos a outro amigo, César Reboredo, a intentar superar ese “casting”.


Aínda que non figure aquí unha foto súa, podedes botar unha ollada na web ao magnífico traballo de Manuel Balea no seguinte enlace: http://photo.net/photodb/member-photos?user_id=1480090