Entre encoros

De Belesar a Os Peares
A localización espacial sitúase entre os dous encoros realizados na época franquista e que son nomeados na novela. Río arriba do Cabo do Mundo aparece o encoro de Belesar, un grande monstro sostendo a espada de Damocles de millóns de toneladas de auga que chegan ate o mesmo Portomarín.
Calquera deficiencia deste muro de contención ou o exceso de auga por choiva (na imaxe coas comportas completamente abertas por ese problema no ano 2000) podería provocar unha verdadeira catástrofe Belesar abaixo.
Da construción do segundo encoro, o d´Os Peares, na imaxe daquela época, fala o personaxe Gumersindo facendo memoria:
-Pai, de cabreado co mundo, encerellouse cos que se agochaban deste lado, ai si. Por coller unha tallada, vaia. Pero logo, como non vía bocado e eles andaban ao seu, máis ca nada por non marchar a onde non tiña traza, meteuse na obra. Menuda era! A dos Peares, xa sabes. E alá morreu, traballando a eito no encoro. Cando me chegou a nova, funo buscar e alá estaba, todo esmagado. O caso foi que esboroouse unha mura despois dun barreno e caeu do alto da canteira con outros catro que non se sabía nin quen era quen. Atuado quedou. Eu coñecinlle un galocho que mal lle colgaba do pé e así o saquei, pero pola cara nada. Porque aquilo era o acabouse, ai era! A min díxome un día que viña ben ter un traballo. E quixo convencerme. Quixo tal. Andaba xa eu polos vinte e tantos, pero non, non viña ben. Ir fun probar dúas semanas coa marra e o pau ferro ao lombo e volvín para a casa cos cadrís fodidos e catro cadelas no peto que non daban nin para unha ola de purrela. Era todo traballar seguido, co sol a estorriscarche o lombo, maiola pura, asándose cristo! E o peor era os gardas, puta que os deu!, que vixiaban aos presos da guerra e metíanse en se mazabas na pedra ou facías que dabas... E por riba aquela poeira, aquela fogaxe... O inferno, talmente. En canto puiden volvín aquí co rabo entre as pernas disposto a quedar no meu, entre toxos ao lado do rego, a pesar de que subiron a auga e arrasaron co noso. Porque o mundo non, non acaba se te fas cun cubil ao xeito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario