A portada de "O Cabo do Mundo"

Idea de Bea, obra de Manuel Balea
De onde saíu esa portada pola que moitos lectores e curiosos preguntan?
Antes de entrar en pormenores, cumprirá dicir que a idea xeral do que podía ser a portada da novela partiu de Beatriz Álvarez. Ela foi quen se puxo en contacto co seu compañeiro de instituto Manuel Balea (fotógrafo que xa realizara a portada de “Se buscabas un deus”) logo de ver un retrato titulado “Adolescente” que tiña colgado nunha web de fotos.

Explicóuselle a idea e puxémonos inmediatamente maos á obra, pois desde a editorial Xerais dábannos escasos dez días debido a que as probas de texto xa estaban concluídas.
Primeiro había que buscar un modelo cunhas faccións especiais e que aceptase posar. Desde o inicio pensamos no meu amigo e compañeiro na EFL Ricardo Vázquez (máis coñecido por Richi). Del é ese perfil da portada con tanta forza na expresión, aínda que por consello de Manuel Balea (coas fotos ás veces lévanse sorpresas) tamén invitamos a outro amigo, César Reboredo, a intentar superar ese “casting”.

Hai que dicir que os dous se comportaron como verdadeiros profesionais deixándose fotografar o que foi preciso na miña casa. Pero como había que ficar cun só rostro, ao final escolleuse o de Richi.

En canto á barca, alá nos fomos Manuel Balea e mais eu a Pincelo, perto do Cabo do Mundo, a tirarlle fotos desde todas as posicións. Debe ser a barca máis fotografada do Miño. A inclusión da escopeta do meu avó Luís (da que poucos se decatan) na traseira barca foi outro elemento latoso.O demais xa consistiu en duro traballo caseiro, fundamentalmente co Photoshop. Neste caso hai que dicir que Manuel Balea tivo unha entrega, ademais do seu bo facer, digna de calquera especialista que cobrase unha elevada suma. Moita lata lle demos Bea e mais eu coas nosas interminábeis suxestións, pois el mandaba borradores por correo electrónico e nós (e tamén el) a facer correccións. Ata que saíu o que saíu: unha portada que, ao parecer, seduce.
Desde aquí a miña noraboa a todos eles.
Aínda que non figure aquí unha foto súa, podedes botar unha ollada na web ao magnífico traballo de Manuel Balea no seguinte enlace: http://photo.net/photodb/member-photos?user_id=1480090

No hay comentarios:

Publicar un comentario