xeografía da novela

O Cabo do Mundo
A importancia do espazo físico nesta novela amósase desde o mesmo título. A espectacular paisaxe do Cabo do Mundo que se ve desde a beira do Saviñao configurou en min, xa desde neno, unha idea fixa: este lugar ben merece unha novela. Tíñao en mente.

Agora ben, había que levalo a cabo e, de certo, non serviría calquera historia. Por iso a teima levedou nos recunchos máis agochados do caletre durante anos, ata que, despois de irlle engadindo novas achegas, aló polo ano da Memoria Histórica, no 2006, empecei a arrexuntar e ler material sobre a represión franquista e as actuacións das denominadas “brigadas ou patrullas do amencer”.

Elementos como a presenza de fuxidos polas ribeiras do Miño, a morte e enterramento do Piloto na parroquia de San Fiz, a dureza dos traballos que carretan os homes e mulleres ribeiraos, a propia e dura vida da posguerra no sur de Lugo. Todo debía formar parte da novela, porque é parte do noso. Paisaxe e vida, moi adrede. E visita tras visita por aquelas incríbeis paraxes, foise configurando un espazo físico. Baseado niso, e noutras ideas, púxenme a escribir.

As tres imaxes do Cabo do Mundo amosan unha visión aérea desde Google Earth, un plano do Instituto de Cartografía e unha fotografía tomada desde a ribeira do concello de O Saviñao.

No hay comentarios:

Publicar un comentario