As cartas do Ruso

A morte de Antonio López Barro
Escribo esta entrada como homenaxe a Antonio López Barro, o Ruso, fusilado ás 8.00 horas do 29 de decembro de 1936 en Lugo. Contaba con 30 anos.
Antes de morrer, na cadea, este escaironés de fortes conviccións ideolóxicas redacta dúas estremecedoras cartas que o noso amigo Enrique Sampil rescata para o público no primeiro volume de Circular polo Saviñao, ano 1999, e que posteriormente María Jesús Souto Blanco amplia nunha separata da Universidade de Santiago co título"Muerte y ritual funerario en la historia de Galicia", do ano 2006.
A primeira das cartas, datada o 16 de decembro dese fatídico ano, está dirixida á Agrupación Socialista do Saviñao, aos que clama pola vinganza como un deber, e fala dos canallas que declararon que el era un perigo para a sociedade e da acusación de que requisou unha radio de forma violenta na casa de Prudencio Moure.
A segunda carta, auténtica historia dunha inxusta reclusión e das condicións que nela se daban, incluída a farsa do xuízo, e rematada unha horas antes do seu asasinato, son as dramáticas "Impresiones de un condenado a muerte a los nueve días de residir en la celda capilla".
Enrique Sampil, quen no mencionado artigo conta os avatares desta carta ata chegar a maos da moza e compañeira de Antonio, Carmucha Losada, remata o seu comentario dun xeito tan claro que nós non temos nada máis que engadir nin retirar:
"Hai que resaltar o risco que correu Antonio López Barro facendo esas acusacións e o amor co que Carmucha conservou eses papeis e as fotografías que ilustran o artigo durante toda a súa vida. Foron escritos en días diferentes coa pretensión de que servisen para facer xustiza, con diferentes lápices de pésima calidade, polo que hai parágrafos case ilexibles, pero son un tesouro para a historia deste pobo, que se debe facer público polo que ten de testemuño dunha barbarie, de lección para as xeracións vindeiras da traxedia que supón un enfrontamento civil e, con democracia en España e definitivamente consolidada a convivencia, de recordo dun veciño do Saviñao".

No hay comentarios:

Publicar un comentario