As barcas do Miño

O vello trafego do río
Na portada da novela aparece unha das escasas barcas (na foto) que aínda hoxe seguen a funcionar no lugar de Pincelo, moi perto do Cabo do Mundo. É aquí onde o Gumersindo, personaxe esencial na historia e que vive retirado nesa incríbel paraxe, exerce de barqueiro ocasional que transporta "atrevidos" entre a ribeira do Saviñao e a de Nogueira do Miño, no Concello de Chantada. Pero se saímos do que é ficción, estas barcas, cunha estrutura moi particular e das que aínda se poden localizar algúns exemplares tirados nas beiras da auga, tiveron un papel relevante noutras épocas. Por un lado servían de ponte pola que persoas, animais e mercadurías atravesaban o río para acudir ás feiras e festas máis achegadas.
Por outro realizaban a función estacional de acoller as uvas vendimadas nas viñas pouco accesíbeis para transportalas en "culeiros" ata os grandes cestos que, postos en carros de vacas, logo se subían paseniño ata as adegas ou os cumios da Ribeira Sacra. O proceso seguiría ata dar no tradicional viño de cepa mencía.
As fotos desta entrada, vellas e novas (a do barqueiro cos culeiros xa fora publicadas en Circular polo Saviñao II, libro do aniversario do Círculo Cultural Recreativo Saviñao), falan un chisco de todo iso que se foi perdendo.

1 comentario: