Os Tres Antonios

"o Ruso","o Narote" e "o Follés"
En Escairón falouse sempre Os Tres Antonios, en parte por ser heroes do pobo logo da Revolución do 34, tamén por algo así como estar fatalmente predestinados. As autoridades franquistas, se cadra como público escarmento, xulgaron inmediatamente a dous deles en varios Consellos de Guerra, simplemente por requisar armas, dinamita e un aparello de radio dun falanxista o primeiro día do Alzamento. Foi un inxusto castigo que algunhas testemuñas da vila propiciaron.
O Ruso e o Follés coas súas noivas Carmucha e María, nos anos 30.
Antonio López Barro, "o Ruso", decidiu entregarse ao ver que triunfaban os franquistas. En principio non cría que lle fixesen nada polo que fixeran o día no que estalou a Guerra Civil. Nunha carta veremos que, ao pouco de ser xulgado en dous Consellos de Guerra, cambiou de opinión. Por rebelión militar foi condenado a morte e executado en Lugo o 29 de decembro dese mesmo 1936.
Antonio Sánchez Quiroga, "Follés", era fillo do médico do pobo e, seguramente aconsellado pola familia, considerou que entregarse era o mellor. Foi xulgado en Consello de Guerra e, tamén, acusado de rebelión militar e finalmente condenado a morte. A sentenza executouse o 14 de xaneiro do 37.
O Narote, 96 anos, e Olga Martínez, a súa muller, na actualidade
Antonio Nieves Ferreiro, "o Narote", era máis desconfiado ca os seus amigos e foi considerado destacadamente extremista soamente por patrullar armado pola vila. Agochado na casa familiar, cando a Garda Civil foi por el, tivo a feliz idea de trepar ata ao faiado pola cheminea da lareira. Así salvou a vida, pois escoitou aos falanxistas que, por fóra, o agardaban armados para matalo. Logo estivo cinco duros anos (do 36 ata o 41) escondido coma unha toupa. Aínda vive para contalo e dar os nomes dos que formaban aquela miserábel "brigada do amencer" que non logrou o seu sinistro propósito. Pronto sairá un libro que dá conta do seu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario