A Camioneta d´O Criollo

Xosé Ferreiro Pérez,"O Criollo"
Esta camioneta de transporte, unha das primeiras que se moveu polo Saviñao nos anos 30, pertencía a Xosé Ferreiro Pérez, máis coñecido en Escairón polo alcume "O Criollo". Na novela noméase unha camioneta que leva aos mozos das aldeas a Escairón e Lugo para deter o Golpe de Estado e que ben puidera ser esta.
Por iso das correccións editoriais que, mea culpa, non revisei na súa totalidade, o Criollo aparece nomeado como "Crioulo". Só quero dicir que para min sempre será O Criollo, e que dese pasado e desa memoria dos anos sesenta e setenta sempre ficará unha lembranza garimosa polo trato que el e a súa dona tiñan con nós, os rapaces de cara abaixo: Vilasante e Piñeiro.
O breve texto da novela na que se nomea ao Criollo e a outras persoas dá conta desa estima e é o que segue:
Alí asentaramos, paciente e delicadamente, a bolígrafo de cores, desde a horripilante saia da Doloretas ata o mono do Guerreiro, o bochudo carpinteiro de xenio a flor de pel, quen, co seu bandullo descomunal, ameazaba acotío a recatada estética dos precoces deseñadores nos que os soños máis inocentes procuraban nos converter. Alí figuraban, tamén, o enxeñoso Charló, o aveso Acecho, con neve ou sol en pantalóns curtos, ou o mesmo Criollo, o vellete a quen todos vendían como Demo, por comunista, e que tantas veces nos agasallaba cunha lambetada que debiamos refugar. En fin, o típico e fanado catálogo de posguerra que nos abeirou a infancia, pero retratado a mao.

No hay comentarios:

Publicar un comentario