Sae en castelán
Hai veces nas que un semella estar agradecido aos deuses, esas criaturas que hai tempo deixaron de existir. Pero acodes a eles para xustificar o que se cadra non ten xustificación. E sucede que logo da travesía no deserto, chega o tempo das flores e a luz, e os anos sufridos e de recollimento xa non son o que eran. Para ben. Entón todo cadra. Adquire sentido. Incluso as horas -moita soidade e escaso tempo, certamente- entregadas a crear unha obra entre catro paredes e sen outra saída que a propia ambición, tan cativa, tan túa, de lograr unha obra galega e orixinal. Pois iso.
Resulta que sae agora, traducida por Bea -tanto esforzo, Li, xa ves que non foi en balde- e na colección Grandes Novelas de Ediciones B, selo de Penguin Random House. A segunda. E faino como "El Cabo del Mundo" -xa se, xa sei, o nome non lle cadra ao noso topónimo-, por aquel dos dereitos e da lingua de fóra.
Confeso que nunca podería telo imaxinado. Nunca me pasou polo maxín que algo así me estaría pasando hoxe. E agora tería que, obrigadamente, dar as grazas a tantas persoas que me aturaron e creron nas miñas argalladas que vou desistir de tal tarefa. Tamén aos lectores. Todos eles saben do meu sentir.
En fin, que o 21 de xuño do 2018 está aí e sairá á venda. Para os que non me len na nosa lingua, ollo.
achegas bibliográficas
-De AUTOR descoñecido: O que fixeron en Galicia 1936, Edicións A Nosa Terra, colección o Fardel da Memoria, Vigo, 1998.
-GARCÍA DURÁN, Juan, Pola liberdade. A loita antifranquista de Luís Costa, Edicións A Nosa Terra, colección o Fardel da Memoria, Vigo, 2001.
-MÁIZ VÁZQUEZ, Bernardo, Resistencia, guerrilla e represión. Causas e consellos de guerra. Ferrol, 1936-1955, Edicións A Nosa Terra, colección o Fardel da Memoria, Vigo, 2004.
-MOURE MARIÑO, Luís, Arredor da lareira (contos e cavilacións), Edicións do Castro, Narrativa, Sada, 1980.
-MOURE MARIÑO, Luís, La Generación del 36. Memorias de Salamanca y Burgos, Edicións do Castro, Sada, 1989.
-PATIÑO REGUEIRA, Antón, Memoria de Ferro, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2005.
-SAMPIL SÁNCHEZ, Enrique, «A carta do Ruso», pp. 207-218 en CIRCULAR POLO SAVIÑAO, 40 aniversario do Círculo Saviñao, Escairón, 1999.-SOUTO BLANCO, Mª Jesus, «A represión en O Saviñao. 1936-1940», pp. 37-56 en CIRCULAR POLO SAVIÑAO II, 45 aniversario do Círculo Saviñao, Escairón, 2003.
-SOUTO BLANCO, Mª Jesus, «Morir y ser muerto. Estudio de tres casos ejemplares entre los condenados a pena capital en el primer franquismo», pp. 473-499 en SEMATA. Ciencias Sociales y Humanidades, Nº17 ( dedicado a Muerte y ritual funerario en la historia de Galicia).
-SOUTO BLANCO, Mª Jesus, La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940), Edicións do Castro, serie Documentos, Sada, 1999, 2ª edición.
-TÉLLEZ, Antonio, A guerrilla antifranquista de Mario de Langullo, o Pinche,Edicións A Nosa Terra, colección o Fardel da Memoria, 2ª edición, Vigo, 2001.
-VELASCO SOUTO, Carlos F., Represión e alzamento militar en Galiza, Edicións A Nosa Terra, colección Historia de Galiza, Vigo, 2006.
-V.v.a.a., O 36 na Galiza, Revista A NOSA TERRA, colección A Nosa Historia, Nº1, Vigo, 1987 (2ª ed.).
-V.v.a.a., Os anos despois, Revista A NOSA TERRA, colección A Nosa Historia, Nº2, Vigo, 1987.
-V.v.a.a., Galiza: 1953-1975, Revista A NOSA TERRA, colección A Nosa Historia, Nº5, Vigo, 1988.
-V.v.a.a., Os mártires do 36, Revista A NOSA TERRA, colección A Nosa Historia, Nº7, Vigo, 1996.
Se outras achegas menores non figuran aquí é por non abusar da paciencia dos que poidan ler isto. Que unhas e outras saiban que contribuíron a construír "O Cabo do Mundo".
As fotos estilo "collage" recollen algunhas delas.
Premio da Crítica e 3ª edición
Moitas grazas ás mulleres e homes que compoñen a Asociación Española de Críticos Literarios por concederlle a "O Cabo do Mundo" o PREMIO DA CRÍTICA 2010 en Narrativa Galega. Se nun principio e como autor non valorei a súa importancia (feito polo que pido publicamente perdón), tivo que ser alguén que domina o panorama literario galego quen, este verao nos Diálogos de Mariñán, me fixese ver o que de certo representa ter recibido este premio. E tamén moitas grazas aos lectores que mercaron a novela ou falaron ben dela despois de meterse na historia, pois xa anda pola 3ª edición, o que non é moi doado acadar para a maioría dos libros en galego, maiormente cando o autor é "outro clandestino" das nosas letras.
Grazas, ao cabo, por ler(me).
Para quen estea interesado/a, esta é a ligazón á páxina de Edicións Xerais (outro dos grandes culpábeis do suceso)que recolle todo o que vai acontecendo coa novela "O Cabo do Mundo":
http://xerais.blogaliza.org/tag/o_cabo_do_mundo/
xeografía da novela
A importancia do espazo físico nesta novela amósase desde o mesmo título. A espectacular paisaxe do Cabo do Mundo que se ve desde a beira do Saviñao configurou en min, xa desde neno, unha idea fixa: este lugar ben merece unha novela. Tíñao en mente.
Agora ben, había que levalo a cabo e, de certo, non serviría calquera historia. Por iso a teima levedou nos recunchos máis agochados do caletre durante anos, ata que, despois de irlle engadindo novas achegas, aló polo ano da Memoria Histórica, no 2006, empecei a arrexuntar e ler material sobre a represión franquista e as actuacións das denominadas “brigadas ou patrullas do amencer”.
Elementos como a presenza de fuxidos polas ribeiras do Miño, a morte e enterramento do Piloto na parroquia de San Fiz, a dureza dos traballos que carretan os homes e mulleres ribeiraos, a propia e dura vida da posguerra no sur de Lugo. Todo debía formar parte da novela, porque é parte do noso. Paisaxe e vida, moi adrede. E visita tras visita por aquelas incríbeis paraxes, foise configurando un espazo físico. Baseado niso, e noutras ideas, púxenme a escribir.
As tres imaxes do Cabo do Mundo amosan unha visión aérea desde Google Earth, un plano do Instituto de Cartografía e unha fotografía tomada desde a ribeira do concello de O Saviñao.Reiniña
Se a alguén hai que achacar a decisión de eliminar esta historia do formato papel é ao propio autor, ou sexa, a min.
Por moito que ao inicio dese documento ofrezo algunhas xustificacións polas cales finalmente non a incluín nesa primeira edición, de certo que aínda hoxe non sei se fixen ben ou non, pero ofrézoa agora en formato dixital (arquivo PDF) e con certas modificacións ou ampliacións, para que o meu sufrido lector, ou lectora, se ten a ben descargala e lela, reciba outro sofico (termo que sempre empregaba meu pai) para a trama de O Cabo do Mundo.
LIGAZÓN para ler "Reiniña":https://docs.google.com/document/d/1YTZehGSZyf76kHcR11GZmcCNX_PYns5CEe9nCtxQIhU/edit
Entre encoros
-Pai, de cabreado co mundo, encerellouse cos que se agochaban deste lado, ai si. Por coller unha tallada, vaia. Pero logo, como non vía bocado e eles andaban ao seu, máis ca nada por non marchar a onde non tiña traza, meteuse na obra. Menuda era! A dos Peares, xa sabes. E alá morreu, traballando a eito no encoro. Cando me chegou a nova, funo buscar e alá estaba, todo esmagado. O caso foi que esboroouse unha mura despois dun barreno e caeu do alto da canteira con outros catro que non se sabía nin quen era quen. Atuado quedou. Eu coñecinlle un galocho que mal lle colgaba do pé e así o saquei, pero pola cara nada. Porque aquilo era o acabouse, ai era! A min díxome un día que viña ben ter un traballo. E quixo convencerme. Quixo tal. Andaba xa eu polos vinte e tantos, pero non, non viña ben. Ir fun probar dúas semanas coa marra e o pau ferro ao lombo e volvín para a casa cos cadrís fodidos e catro cadelas no peto que non daban nin para unha ola de purrela. Era todo traballar seguido, co sol a estorriscarche o lombo, maiola pura, asándose cristo! E o peor era os gardas, puta que os deu!, que vixiaban aos presos da guerra e metíanse en se mazabas na pedra ou facías que dabas... E por riba aquela poeira, aquela fogaxe... O inferno, talmente. En canto puiden volvín aquí co rabo entre as pernas disposto a quedar no meu, entre toxos ao lado do rego, a pesar de que subiron a auga e arrasaron co noso. Porque o mundo non, non acaba se te fas cun cubil ao xeito.
A portada de "O Cabo do Mundo"
De onde saíu esa portada pola que moitos lectores e curiosos preguntan?
Primeiro había que buscar un modelo cunhas faccións especiais e que aceptase posar. Desde o inicio pensamos no meu amigo e compañeiro na EFL Ricardo Vázquez (máis coñecido por Richi). Del é ese perfil da portada con tanta forza na expresión, aínda que por consello de Manuel Balea (coas fotos ás veces lévanse sorpresas) tamén invitamos a outro amigo, César Reboredo, a intentar superar ese “casting”.
Aínda que non figure aquí unha foto súa, podedes botar unha ollada na web ao magnífico traballo de Manuel Balea no seguinte enlace: http://photo.net/photodb/member-photos?user_id=1480090